jueves, 18 de noviembre de 2010

25 de novembro

Aquí tedes a unidade didáctica para traballar este curso cos nenos o tema da violencia de xénero.


Un relato de Rosa Aneiros, da súa novela As de bolboretas, para que poidades reflexionar sobre o tema dos maltratos despois da lectura co voso alumnado.

Fiño e Lucía (páxs. 187-189)

-Fiño...
-Chssssssss.
-Fiño...
-Chssss, cala, Lucía.
-Por que estamos calados?
-Porque estamos xogando.
-Por iso estamos debaixo da cama?
-Si, cala. Estamos xogando ás agachadas.
-Pero se estamos os dous debaixo da cama, quen nos busca?
-Ummmm... Mamá.
-Fiño.
-Que.
-E que mamá leva un anaco berrando e chorando na cociña.
-E que?
-Que non nos está buscando.
-Lucía, cala.
-Fiño, non me apertes, vasme mancar.
-Cala.
-...
-Xa está, xa podes falar.
-Es parvo, fixéchesme dano.
-Era para que calaras cando entraron os zapatos.
-Pero non eran os de mamá!
-Por iso.
-Eran os zapatos de papá!
-Por iso mesmo.
-Pero el non está xogando ás agachadas!
-Xa o sei, Lucía, pero cando el entra hai que calar.
-Fiño.
-Que.
-E cando podemos saír de debaixo da cama?
-Cando se escoite o ruído da porta e veña mamá buscarnos.
-Pero se mamá sabe onde estamos, non vale.!
-Si qeu vale.
-Non, non vale porque ela non quere xogar ás agachadas!
-Ah, si, e ti como o sabes?
-Porque ela quere xogar aos pallasos!
-Estate quietiña, Lucía, por favor.
-Eu non quero estar máis debaixo da cama. Este xogo non me gusta.
-Vale, xa te oín, pero agora estate quieta. Cando se escoite o ruído da porta saímos.
-Estou enfadada. Non me gusta.
-Veña, mañá xogamos a outra cousa.
-Si, Fiño. E a que? E a que?
-A ser invisible.
-E como se xoga a iso?
-Xa o verás.
-E mamá vai xogar tamén?
-Tamén.
-E papá?
-Papá terá que encontrarnos, pero como seremos invisibles seralle difícil. O importante é que non nos descubra, vale?
-Vaaaaale, podemos saír de debaixo da cama xa?
-...
-Fiño.
-Que.
-Fixen pis.

No hay comentarios:

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.