martes, 1 de abril de 2008

QUE É A WEB 2.0?


Falar da web 2.0 ou, como tamén podemos chamala a web social é falar dunha nova forma de enfrontarnos a Internet na que, como usuarios, deixaremos de ser meros observadores do que outros queren que vexamos, escoitemos ou leamos.

Na web 2.0 o usuario é o protagonista, xa que ademais de consumir convértese en autor de información. Amplíanse os roles do usuario e, para que isto poida ser posible, a rede pon á súa disposición unha serie de servizos, ferramentas e medios que facilitarán o seu traballo.
Podemos dicir que a web 2.0 é participación, colaboración, creación e comunicación.

Uns cantos conceptos novos cos que debemos traballar:

XESTORES DE CONTIDOS: Na rede aportan os espazos onde imos traballar, os soportes da información e cédennos espazos pre deseñados, coas ferramentas de traballo necesarias para a elaboración das nosas achegas; son facilitadores da parte técnica, xa que o usuario pódese despreocupar destes aspectos e centrarse nos contidos que crea.

SINDICACIÓN ou RSS: Permítennos descubrir fácilmente as novas publicacións dos sitios que nos interesan, facendo máis simple e rápida a consulta doutros usuarios que conectan cos nosos intereses.

TAGS ou FOLKSONOMIA: O etiquetado proporciona unha forma de arquivo e facilita a localización de contidos similares atendendo exclusivamente ao criterio de que baixo etiquetas iguais atoparemos contidos relacionados.

Como se ve a web 2.0 facilita a participación, a colaboración e a creación, pero para ubicar a información debe proporcionarnos unha serie de servizos básicos como almacéns de información ou espazos virtuales, espazos onde elaborar as nosas presentacións, onde traballar o noso audio, marcadores sociais, mensajerías instantáneas , etc. Algúns exemplos destes servizos son GOOGLE, SLIDESHARE, APCALA, etc. e a combinación de varios servizos, aspecto cada día máis real, ou o que se denomina MASHUPS permítenos explotar toda a potencia de varios servizos ao mesmo tempo.

A imaxe máis visible da web 2.0 é o BLOG, término que se puxo de moda nestes últimos anos. O blog é un diario, un caderno de viaxe, un sitio desde onde unha persoa pode comunicar todo o que desexe. As súas características proporcionan moita facilidade á hora de publicar, pero tamén proporcionan ao lector a mesma facilidade para comentar as noticias publicadas, o que fai do sitio un espazo de opinión e participación aberto. Tanto ha evolucionado o blog que se fala da blogosfera ou dunha rede social de blogs na que se propicia a comunicación entre os blogers e entre os blogers e os usuarios da rede. Aínda que o blog é un espazo deseñado basicamente como caderno persoal, tamén podemos traballar con el de forma colaborativa, como é o caso deste, onde se está publicando este artigo, que non é nin máis nin menos que un espazo á colaboración de calquera persoa da comunidade educativa do noso instituto, de calquera persoa pertencente a calquera comunidade educativa ou de calquera que nos atope navegando pola rede e queira participar cos seus comentarios ou cos seus propios artigos.

Outra forma de presentación da web 2.0 é o WIKI. Un wiki é o espazo de traballo colaborativo por excelencia. Os autores dun wiki poden traballar sobre unha idea aportando diversos puntos de vista ata construír unha idea aceptada polo grupo. O exemplo máis próximo deste tipo é a WIKIPEDIA, unha enciclopedia colaborativa que se converteu en referencia mundial para a procura de información.

Xa quedaría contestada a pregunta que dá título a este post; pero ¿que dicir da escola?
Hoxe en día a información non está só nos centros educativos; seguro que podemos atopar moita máis información na rede; desde un punto de vista persoal creo que deberiamos desenvolver as competencias necesarias para poder buscar, recopilar, clasificar a información e convertela en coñecemento; isto non é fácil, pero coas ferramentas e aplicacións que nos proporciona a rede podemos avanzar, sobre todo se pensamos que os nosos alumnos son nativos dixitales e nós imos un paso por detrás. Isto implica un cambio de roles na educación.

Un dos obxectivos que deberiamos marcarnos podería ser conseguir a invisibilidade de Internet no sentido de facelo tan habitual que non nos désemos conta de que está aí, facilitando o noso traballo e o dos nosos alumnos no proceso de aprendizaxe.

Non deberiamos desperdiciar todas esas ferramentas que a rede pon á nosa disposición para facilitar o noso traballo e complementar o seu uso coas técnicas e ferramentas que usamos habitualmente cada un de nós no noso labor diario.

No BLOG DE EDUASTUR elaboraron este vídeo sobre a WEB SOCIAL ou 2.0 e ademais podemos descargar o texto completo do vídeo.

Información publicada por Vicente Sánchez.

No hay comentarios:

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.